Cultura e Educación colabora co Concello de Celanova nunha nova edición do programa de Concertos Didácticos de Órgano
Santiago, 17 de abril de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dirixida por Xesús Vázquez Abad, colabora co Concello de Celanova no programa de Concertos Didácticos de Órgano, que hoxe abriu a súa edición de 2012 coa participación de 130 escolares. Mediante esta actividade, está previsto que máis dun milleiro de alumnos de ensino primario e secundario de toda Galicia poidan acceder á música e á historia do emblemático instrumento, recentemente restaurado, que preside o coro alto da Igrexa de San Salvador de Celanova.
O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, asistiu hoxe ao concerto de inauguración do programa, no que tamén estiveron presentes Antonio Mouriño, alcalde de Celanova; Cesáreo Iglesias, párroco de Celanova; e Marisol Mendive, profesora de Órgano do Conservatorio de Ourense e directora docente deste proxecto.
Nesta primeira sesión participaron 130 alumnos: 50 procedentes do IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia, 50 do IES Escolas Proval de Nigrán e outros 40 do CPR Divina Pastora do Barco de Valdeorras. Está previsto que, ata xuño de 2012, a cifra de estudantes galegos que se acheguen a Celanova dentro da segunda edición deste programa supere o milleiro.
Deste xeito, e da man da profesora organista Marisol Mendive, os escolares coñecen in situ contidos concretos como as partes do órgano e a súa mecánica, os elementos e materiais dos que está composto, a consola do instrumento cos seus rexistros, os cantorais ou libros de coro, as formas musicais organísticas máis típicas ou a potencia sonora do órgano.
Os obxectivos do programa abranguen así mesmo un achegamento á evolución histórica do órgano de Celanova a través dos séculos, con referencia ás súas dúas restauracións, realizadas en 1952 e 2000.
Cada xornada combínase coa visita guiada a outras dependencias da Igrexa de San Salvador, como a capela de San Miguel, así como ao Mosteiro de San Rosendo e o seu entorno.
No hay comentarios:
Publicar un comentario